O PSdeG-PSOE de Lousame demanda a ampliación do horario do programa ‘Lousame Concilia – Verán 2026’ co servizo de madrugadores
- A formación socialista recolle as demandas de varias familias do municipio, que necesitan este servizo para poder compatibilizar a súa xornada laboral co coidado de fillos e fillas durante as vacacións escolares
- O grupo municipal xa trasladou esta petición no pleno do pasado 28 de maio, recibindo como resposta do goberno local que “non tiñan constancia” de dita necesidade
A Agrupación Socialista de Lousame reclama publicamente ao goberno local a necesidade de ampliar o horario do programa ‘Lousame Concilia – Verán 2026’ para incluír o servizo de madrugadores.
Desde o PSdeG-PSOE de Lousame reclaman este servizo do mesmo xeito en que se vén facendo de forma habitual durante todo o período escolar, e destacan que as necesidades de conciliación das familias non rematan coa chegada do verán.
“Polo contrario, para moitas familias do municipio, a falta de alternativas horarias temperás nestes meses estivais supón un grave atranco para manter os seus postos de traballo ou desempeñar as súas xornadas laborais con normalidade”, explica o voceiro socialista local Juan José Prego Ces.
Debate no pleno ordinario
Esta cuestión xa foi posta sobre a mesa polo grupo socialista no último pleno ordinario, celebrado o pasado día 28 de maio. Nese espazo de debate, a resposta por parte do goberno local foi afirmar que non tiñan constancia ningunha de que houbese pais ou nais que demandaran este servizo de madrugadores para o programa de verán.
Así mesmo, explican dende a agrupación socialista, desde o executivo instábase ás familias a poñerse en contacto directamente coa concelleira da área de Servizos Sociais para expoñer os seus casos de forma individual.
Unha demanda das familias
Porén, Prego Ces subliña que “a necesidade existe e é real”. “Nas últimas semanas, foron varios os pais e nais do municipio que se puxeron en contacto directamente cos representantes socialistas para trasladarlles a súa inquedanza e solicitar que se dea cobertura a este tramo horario, fundamental para quen entra a traballar a primeiras horas da mañá”, explica.
“Non podemos descargar a responsabilidade nas familias nin esperar a que fagan solicitudes individuais cando sabemos que a conciliación é unha carencia xeralizada no verán”, sinala o socialista.
Por este motivo, o grupo socialista insta ao goberno municipal a “ser proactivo, a escoitar a realidade veciñal e a poñer en marcha de inmediato o servizo de madrugadores no programa Concilia, garantindo así o apoio institucional que as familias de Lousame merecen e necesitan”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS