- Silvia Longueira afirma que a implantación da FP Básica chegou “sen consenso” e alerta da falta de espazo e recursos no centro
O Grupo Parlamentario Socialista levará ao Parlamento de Galicia a situación xerada no IES de Carral tras a dimisión en bloque da equipa directiva do centro o pasado xoves pola implantación dunha aula de FP Básica para o curso 2026-2027.
Segundo trasladou a dirección do instituto ao Consello Escolar e á inspección educativa, a decisión da implantación desta modalidade produciuse sen negociación previa coa comunidade educativa, sen planificación sobre os espazos necesarios e sen consenso entre a Xunta de Galicia, o Concello e o propio centro.
Dende a dirección do IES sinalan que non existe unha oposición ao incremento das modalidades educativas no centro, pero consideran necesario que calquera ampliación estea planificada e conte coa coordinación entre as administracións implicadas e a comunidade educativa e con recursos suficientes.
A deputada socialista no Parlamento galego, Silvia Longueira, explicou que “para a implantación dunha liña de FP ten que existir consenso entre o centro educativo, o Concello e a Xunta de Galicia”, e indicou que esta decisión “chegou sen explicacións claras sobre como se vai desenvolver”.
Longueira advertiu ademais de que o instituto “xa presenta actualmente problemas de espazo co alumnado existente”, polo que considera que a chegada de novo alumnado podería incrementar esas dificultades se non se habilitan novos recursos.
A deputada socialista tamén incidiu na falta de planificación en materia de persoal. “Non hai nestes momentos recursos humanos que avalen esta nova implantación”, afirmou. Os socialistas consideran que, ante a falta de explicacións do Concello de Carral, gobernado polo Partido Popular, “corresponde á Consellería de Educación aclarar os motivos desta decisión e a planificación prevista cando está a piques de rematar o período lectivo”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS