Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG levará ó Parlamento galego o caso da alumna con dependencia do centro Belén que non pode acudir ás excursións

  • Aitor Bouza esíxelle á Xunta que se implique no caso para que non haxa discriminación

O PSdeG-PSOE levará ao Parlamento de Galicia o caso dunha alumna do colexio Belén de Ferrol para esixirlle á Xunta que garanta a plena inclusión de todo o alumnado nas excursións e actividades extraescolares.

O deputado socialista Aitor Bouza explica que tivo unha xuntanza coa nai desta alumna, que está “absolutamente preocupada” por que “os principios de inclusión educativa se cumpran de maneira efectiva e se fagan cumprir, sobre todo pola Xunta de Galicia, de maneira real”.

O parlamentario explica que a alumna “ten a día de hoxe recoñecido o grao de dependencia 2” e polo tanto, non só lle corresponde corresponderíalle un coidador ou coidadora para as actividades na aula, senón “tamén para todas aquelas actividades extraescolares que se desenvolvan por parte do centro educativo, para que a alumna non quede excluída desas actividades”.

Bouza reclama “que se garanta polo tanto o principio de inclusión real e efectiva dentro do que ten que ser unha educación de calidade para todos e todas, sen que ninguén quede á marxe do posibilidade de desfrutar desta actividade extraescolar como o resto de alumnado”.

“Despois de escoitar esta situación que nos vén de trasladar á familia, imos trasladar esta cuestión ao Parlamento, e, polo tanto, preguntarlle á Xunta de Galicia se pensa facer algo para solventar de maneira inmediata esta situación”, afirma.

“Esixímoslle á Xunta de Rueda que poña solucións, porque a día de hoxe aínda hai solucións posibles”, indica. “Temos ata o día 15 que comeza esa excursión para que a Xunta de Galicia rectifique esta pasividade absoluta”, engade.

Lembra que a familia tense manifestado dende o mes de febreiro e ten entregada a documentación no centro educativo para que se poña este coidador ou coidadora, pero a día de hoxe non se ten solucionado a cuestión por parte nin da inspección educativa nin da Xunta de Galicia, “que teñen que ser os garantes deste educación en igualdade de condicións e inclusión”.

“Polo tanto esiximos á Xunta de Galicia que tome medidas urxentes e inmediatas para que esta alumna non quede absolutamente excluída e discriminada, neste caso tamén pola actuación pasiva ou pola falta de actuación”, conclúe.


Aitor Bouza – Centro Belén Ferrol – xuñ26
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes