Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG-PSOE da Laracha denuncia o “bloqueo institucional” e o “apagón informativo” do alcalde ante as solicitudes da oposición

  • A voceira socialista, Inés Ramos, esixe respostas inmediatas a dous expedientes clave pendentes desde hai meses: as licenzas de actividade empresarial e o conflito do camiño público de A Tabeira
  • O grupo municipal lembra que a falta de resposta vulnera de forma directa a Lei de Bases do Réxime Local, o ROF e as normativas de transparencia autonómica e estatal

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE da Laracha denunciou publicamente a estratexia de “silencio e ocultación” que vén exercendo de forma sistemática o alcalde do municipio, José Manuel López Varela. A voceira socialista, Inés Ramos, acusou ao rexedor de bloquear por completo o labor de control e fiscalización da oposición ao deixar sen responder de forma reiterada solicitudes formais de información presentadas por rexistro.

En concreto, os socialistas levan meses agardando por aclaracións escritas sobre dous asuntos de máxima relevancia para o concello:

  • O conflito do camiño público en A Tabeira (Golmar): Unha solicitude de acceso á información presentada o pasado 31 de outubro de 2025. Nela reclamábase a copia completa do expediente e das actas plenarias de 2015 sobre a presunta apropiación dun camiño público por parte dun particular , sen que a día de hoxe o goberno local aclarase que medidas de recuperación de oficio ou deslinde se adoptaron.
  • O estado das licenzas de actividade empresarial: Unha batería de preguntas rexistrada o 20 de xaneiro de 2026 para coñecer o número de solicitudes pendentes, resoltas e os prazos medios de tramitación no termo municipal. Unha información crucial para o desenvolvemento económico e a seguridade xurídica do tecido empresarial da Laracha que segue gardada nun caixón.

Unha vulneración flagrante das leis e do ROF

Inés Ramos sinalou que este “silencio administrativo” non é só unha falta de respecto institucional, senón un incumprimento directo do marco legal vixente. O dereito á información dos concelleiros está blindado polo Artigo 77 da Lei 7/1985 de Bases do Réxime Local (LBRL) e polos Artigos 14 e seguintes do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais (ROF), que obrigan á Alcaldía a resolver e facilitar a documentación solicitada en prazos taxativos que foron amplamente superados.

Do mesmo xeito, os socialistas apuntan que a actitude do alcalde dinamita os principios máis elementais da Lei 19/2013 de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno, así como da normativa autonómica galega (Lei 1/2016).

“Se a xestión do alcalde fose impecable e transparente, non tería ningún problema en entregar estes expedientes; o seu silencio só demostra que ten algo que ocultar”, declarou a voceira socialista. “Asimilar o Concello a unha propiedade privada onde se decide de forma arbitraria que se contesta e que se esconde é unha práctica inaceptable en democracia”.

Para o grupo socialista, esta parálise deliberada demostra que o goberno local carece de xestión ou ben pretende ocultar a saturación e a falta de solucións nestes expedientes. Por iso, esixen que de xeito inmediato se proceda á entrega da documentación solicitada en formato dixital a través da sede electrónica e se dean as explicacións oportunas ante o Pleno municipal.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes