- A deputada Patricia Iglesias e a voceira socialista local Sheila Rial impulsan unha iniciativa parlamentaria para preguntar á Xunta sobre as incidencias que afectan ao centro
O PSdeG de Zas e o grupo socialista no Parlamento de Galicia impulsan unha iniciativa parlamentaria para preguntar ao goberno galego sobre a situación da escola infantil Galiña Azul do municipio.
A voceira socialista local Sheila Rial reuniuse coa parlamentaria Patricia Iglesias para coordinar esforzos nesta cuestión logo de que lle fosen trasladadas diferentes problemáticas por parte de varias familias usuarias do servizo.
Segundo explica Sheila Rial, “nais e pais teñen comunicado nos últimos tempos diferentes incidencias relacionadas co funcionamento diario do centro, situacións que estarían afectando á organización e conciliación de moitas familias do concello”.
A socialista sinala que “o obxectivo desta iniciativa non é outro que coñecer a situación real do servizo e reclamar á Xunta de Galicia que garanta a estabilidade e o correcto funcionamento dun recurso fundamental para moitas familias de Zas”.
Entre as cuestións trasladadas polas familias do centro figuran cambios organizativos e avisos realizados con pouca marxe, circunstancia que as obriga en ocasións a reorganizar con dificultade a recollida dos nenos e nenas.
“O que pedimos é información, transparencia e solucións para garantir un servizo estable e de calidade para as familias”, explica Rial, que insiste en que “a escola infantil é un recurso esencial nun concello rural como Zas, especialmente para favorecer a conciliación laboral e familiar”.
Na mesma liña, a voceira socialista quixo deixar claro o seu respecto ao persoal do centro, lembrando que as traballadoras desenvolven un labor “fundamental e especialmente sensible”, polo que consideran imprescindible “que a administración autonómica dote ao servizo dos recursos necesarios para o seu correcto funcionamento”.
A través da pregunta rexistrada na cámara, o Grupo Parlamentario Socialista solicitarán información sobre a situación actual do centro e as medidas previstas para garantir a normalidade do servizo e evitar novas incidencias que poidan afectar ás familias usuarias.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS