O PSdeG de Curtis denuncia que os uniformes de protección civil do municipio non cumpren a normativa vixente
- O secretario xeral local Fernando Rey Leira, que é tamén subxefe de Protección Civil, sinala que os voluntarios e voluntarias do servizo “merecen contar cuns medios actualizados e acordes á normativa para o correcto desenvolvemento das súas funcións”
A Agrupación Socialista Local de Curtis denuncia que os uniformes empregados polo persoal de Protección Civil no municipio non cumpren coa normativa vixente en Galicia, expresada na orde do 24 de febreiro de 2015 que se pode consultar no DOG 46 do 9 de marzo dese mesmo ano.
Nesta orde, pola que se dictan as normas que regulan a acreditación, a uniformidade e os distintivos do persoal voluntario das agrupacións de Protecciónn Civil e a súa imaxe corporativa, explícase detalladamente as condicións que deben cumprir ditos uniformes.
Porén, como explica o secretario xeral do PSdeG local, Fernando Rey Leira, os voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Curtis son vistos con prendas que non cumpren con ditas regulacións.
“É habitual ver ao persoal de Protección Civil no noso concello con pantalóns sen as sinalizacións reflectantes axeitadas ou con deseños e patróns nos polos e outras prendas que non se axustan ao establecido”, explica Rey Leira.
O socialista é subxefe de Protección Civil e conta con ampla experiencia en diferentes ámbitos do voluntariado, tendo sido tamén voluntario da ONCE na Coruña e sendo actualmente coordinador do Departamento de Emerxencias da asociación AESCO de axuda contra a exclusión social.
Rey Leira afirma que os voluntarios e voluntarias de Protección Civil en Curtis “merecen contar cuns medios actualizados e acordes á normativa para o correcto desenvolvemento das súas funcións no territorio, especialmente se por desgraza se produce algunha situación de emerxencia”.
“A uniformidade dos voluntarios e voluntarias do servizo é fundamental, tanto por cuestións de seguridade e visibilidade como porque permite identificar correctamente ao persoal de Protección Civil en todo o Estado”, engade o secretario xeral local.
“Instamos tanto á Xunta de Galicia como ao Concello de Curtis e o seu alcalde Javier Caínzos a tomar cartas no asunto para que a nosa Protección Civil poida contar cos estándares mínimos necesarios para cumprir co seu fundamental labor, sobre todo en circunstancias críticas”, indica. O socialista conclúe salientando que “fronte á desidia da Xunta e do goberno local, para o PSdeG as persoas que van estar en primeira liña nunha emerxencia ou nunha catástrofe, como é o persoal de Protección Civil, merecen un coidado e unha atención especial aos seus medios de traballo”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS