O PSdeG reclama responsabilidades tras máis dun ano de atrasos na obra da Escola de Deportes Náuticos de Aguiño
- Francisco Suárez-Puerta advirte que “quen está sufrindo esta situación é o Clube de Remo Náutico Ribeira, os seus deportistas e a veciñanza de Aguiño”
O PSdeG-PSOE de Ribeira vén de presentar por rexistro unha petición ao Goberno local para reclamar que o Concello actúe ante os reiterados atrasos nas obras da Escola de Deportes Náuticos de Aguiño, unha infraestrutura que debía estar rematada arredor de maio de 2025 e que segue en construción.
O portavoz socialista Francisco Suárez-Puerta sinalou que “esta obra non é un expediente máis: detrás dela está o Clube de Remo Náutico Ribeira, os seus deportistas, as familias e a veciñanza de Aguiño, que levan demasiado tempo agardando por unhas instalacións necesarias”.
O grupo socialista critica tamén que a alcaldesa “dedique a semana a aparecer en fotos e a publicitar promesas de futuras obras, mentres Ribeira segue agardando por actuacións que xa deberían estar rematadas e que acumulan atrasos de máis dun ano”.

O PSdeG lembra que a obra xa contou con varias ampliacións de prazo, primeiro ata decembro de 2025 e despois ata marzo de 2026. Ademais, os informes técnicos municipais advertiron que os motivos alegados pola contratista non parecían alleos á súa responsabilidade, polo que entenden que o Goberno de Ribeira “debe actuar e velar polos intereses da veciñanza”.
Suárez-Puerta indicou que “cada mes de atraso prexudica directamente a un club que representa a Ribeira, que ten unha actividade deportiva constante e que precisa estas instalacións para desenvolver o seu traballo en condicións axeitadas”.
Por iso, o PSdeG local reclama que o Goberno local “inicie de inmediato as actuacións necesarias para conseguir que se entreguen as instalacións na maior brevidade posible, que se examine formalmente o incumprimento dos prazos e que se valore, se procede, a imposición das sancións contractuais correspondentes”. “O Concello non pode limitarse a esperar, ten que defender o interese público, garantir que a obra se remate canto antes e dar unha resposta clara ao Clube de Remo Náutico Ribeira e á veciñanza de Aguiño”, concluíu o portavoz socialista.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS