O PSdeG reclamará no Parlamento apoio urxente ao marisqueo e ás artes menores de Pontedeume
- Os socialistas piden á Xunta unha mesa de negociación específica, compensacións económicas para os sectores afectados pola paralización da actividade e a revisión das indemnizacións ao marisqueo a pé
O Grupo Parlamentario Socialista de Galicia presentará no Parlamento galego unha batería de iniciativas relacionadas coa situación do sector do marisqueo e das artes menores na ría de Pontedeume, tras semanas de paralización da actividade por recomendacións emitidas pola Xunta de Galicia.
As iniciativas reclaman a constitución inmediata dunha mesa de negociación específica cos sectores do marisqueo a pé, marisqueo a flote e artes menores de Pontedeume, así como a adopción de medidas económicas para compensar as perdas derivadas da inactividade.
O alcalde de Pontedeume e secretario xeral provincial do PSdeG, Bernardo Fernández, trasladou o “apoio total e absoluto” do Concello ao sector do marisqueo e das artes menores da vila. Fernández afirmou que a situación “é grave”, especialmente no caso do marisqueo a flote e das artes menores, e criticou que “a Xunta de Galicia non adoptou ningún tipo de medida encamiñada a establecer axudas ante a paralización dunha actividade decretada pola propia Xunta”.
Segundo indicou, esta situación está a provocar que moitas familias afectadas non estean a recibir ingresos “necesarios para poñer un prato de comida nas súas mesas ou para pagar impostos, alugueiros ou hipotecas”.
Fernández tamén asegurou que a Xunta, “que é a que ten a competencia exclusiva nesta materia”, está a derivar o sector ao ISM “lavándose as mans”. Ademais, reclamou “axudas económicas directas por lucro cesante” para o marisqueo a flote e as artes menores, así como unha “revisión urxente” das indemnizacións destinadas ao marisqueo a pé, que cualificou de “claramente insuficientes”.
Pola súa banda, Aitor Bouza explicou que as iniciativas parlamentarias chegan despois dunha reunión coa Confraría de Pontedeume e asegurou que o PSdeG vai “apoiar o sector” e “esixir á Xunta de Rueda que non deixe tirados e tiradas a todas as traballadoras e traballadores do mar na vila de Pontedeume”.
O deputado socialista avanzou que reclamarán “liñas de apoio específicas para o sector das artes menores” e unha revisión das indemnizacións ao marisqueo a pé “para que resulten suficientes e acordes coas perdas reais”. Segundo afirmou, estas demandas responden ás peticións trasladadas polo propio sector.
Bouza tamén pediu a creación “dunha mesa de negociación real” cos sectores afectados para garantir a súa participación directa na toma de decisións e reclamou “un trato equitativo entre o marisqueo a pé, o marisqueo a flote e o sector das artes menores”. Finalmente, instou á Consellería do Mar a adoptar “medidas xustas e equilibradas” para atender ás necesidades das persoas traballadoras afectadas.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS