- Aitor Bouza e Tania Pardo sinalan que a instalación presenta filtracións e humidades que impiden o seu funcionamento
O PSdeG-PSOE reclámalle á Xunta de Galicia que rehabilite o pavillón do IES Moncho Valcarce das Pontes, que presenta multitude de filtracións e humidades que impiden o correcto desenvolvento da actividade deportiva no seu interior.
“Sumámonos ás reivindicacións que levan facendo non só durante semanas e días a comunidade educativa e o Concello das Pontes, senón durante meses e anos”, sinala o parlamentario socialista Aitor Bouza.
O deputado esíxelle “ao señor Rueda e á Xunta de Galicia que fagan dunha vez estas obras tan necesarias no IES Moncho Valcarce, un centro educativo exclusivo da súa competencia e que ten a día de hoxe un pavillón deportivo que se cae”.
Reclamou “que se eliminen as filtracións e as humidades, que se mellore o illamento térmico e tamén que se modernicen as instalacións tanto de climatización como de iluminación”. “Polo menos, para ter esta instalación conforme a uns estándares de eficiencia enerxética mínimos”, engadiu.
“Non podemos permitir que o alumnado deste centro educativo teña que realizar as súas actividades nunhas condicións absolutamente deplorables”, subliñou o membro do Parlamento de Galicia.
Bouza demanda que se inclúa unha partida ao respecto “nos orzamentos do presente exercicio para que se acometan estas obras tan necesarias, reclamadas dende hai tanto tempo, na mellor brevidade posible”, co obxectivo de que “o alumnado e o profesorado deste centro educativo non teñan que seguir padecendo estes recortes educativos”.
“A Xunta de Galicia prefire mirar para outro lado ou prefire a castigar a este alumnado do concello das Pontes”, critica Bouza, que afirma que o PSdeG seguirá “ao lado da comunidade educativa”.
“Levaremos tamén esta reivindicación, como non pode ser doutro xeito, o Parlamento de Galicia para que os grupos parlamentarios se posicionen”, apunta, para que o goberno galego “non deixe tirados a todos os alumnos e alumnas do IES Moncho Valcarce”.
Pola súa banda, a concelleira socialista Tania Pardo salienta que se trata dunha petición que levan moito tempo solicitando dende o consello escolar do centro, o Concello, os representantes das familias e o propio instituto.
Pardo quixo recalcar “o tempo que levamos esperando” e reclama que o arranxen o antes posible: “xa non é unha cuestión de prometer que vai nos presupostos, é que non está nominativamente nos orzamentos, e si outros centros”.
Para a socialista, o alumnado deste centro merece “ter un pavillón en óptimas condicións para levar a cabo a actividade física”. “Hai tamén clubes locais que van alí a adestrar e que non poden facelo, pois a maior parte do ano, en canto chove un pouco ou en canto hai humidade é impracticable”, engade. “Non cremos xa mais en tanta promesa, queremos que pasen xa a facer o que se comprometeron a facer neste ano, que era dotalo de presuposto e executar as obras no verán”, conclúe a socialista.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS