O Grupo Socialista pide no Parlamento a paralización e unha avaliación do proxecto dunha planta de residuos en Cacheiras
- A iniciativa reclama un informe técnico da Xunta, a suspensión da tramitación e a apertura dun proceso de diálogo coa veciñanza, tras as mobilizacións e a preocupación social na zona
O Grupo Parlamentario Socialista de Galicia presentará no Parlamento galego unha iniciativa na que demanda á Xunta de Galicia a elaboración dun informe técnico exhaustivo e independente sobre o proxecto de instalación dunha planta de residuos na parroquia de Cacheiras, no concello de Teo, así como a paralización inmediata da súa tramitación administrativa ata dispoñer desa avaliación.
A proposta chega tras a mobilización veciñal que tivo lugar este sábado na zona, na que participaron preto dun cento de veciños e veciñas e representantes socialistas. O grupo socialista sinala que esta resposta social evidencia a existencia de preocupacións e dúbidas sobre o impacto ambiental, territorial e sanitario da infraestrutura, así como sobre a súa compatibilidade cos principios de sustentabilidade e co modelo de desenvolvemento do territorio.
Consideran que a Xunta de Galicia debe “asumir un papel activo e garantir que calquera proxecto deste tipo conte con todas as garantías técnicas, ambientais e de participación pública”, evitando a tramitación de iniciativas que poidan xerar conflito social sen unha análise previa completa e independente.
Neste sentido, o Grupo Socialista pide que os servizos técnicos da propia da administración autonómica elaboren un informe no que se analicen os posibles impactos do proxecto e o cumprimento da normativa vixente, así como a súa adecuación aos criterios de sustentabilidade. Ao tempo, reclama que se suspenda calquera autorización ou avance administrativo mentres non se dispoña desa avaliación.
A iniciativa tamén propón a apertura dun proceso de diálogo coa veciñanza e coas entidades sociais da contorna co obxectivo de avaliar alternativas e garantir que as decisións en materia de xestión de residuos conten co maior consenso social posible.
O deputado socialista Aitor Bouza explicou que o Grupo Socialista leva semanas seguindo a situación e acompañando á veciñanza a nivel local e agora levará esta cuestión ao parlamento. Segundo explicou, a formación socialista reclama unha análise propia da Administración autonómica: “exiximos á Xunta de Galicia que faga un informe exhaustivo, un informe propio dos servizos técnicos da Xunta de Galicia que permita verificar cales son os seus impactos ambientais, territoriais e sociais e tamén se se cumpre a normativa vixente e os principios de sustentabilidade”.
O deputado tamén insistiu en que a tramitación debería quedar en suspenso mentres non se dispoña desa avaliación. Subliñando que “mentres se fai ese informe por parte da Xunta de Galicia, e non só se queda co informe que fixo o propio interesado, que se paralice de maneira inmediata calquera tramitación administrativa ou autorización vinculada”.
Así mesmo, destacou que “é importante que se fale coa veciñanza e coas entidades sociais que realmente representan os veciños e veciñas de Cacheiras en Teo”, ao tempo que reclamou que se garantan os principios de participación, transparencia e sustentabilidade na toma de decisións.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS