Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG denuncia as “deficiencias” no transporte metropolitano por estrada e pide medidas correctoras

  • As persoas usuarias denuncian atrasos, supresións de servizos e problemas de capacidade en distintas liñas

O PSdeG-PSOE provincial da Coruña advirte da persistencia de incidencias no servizo de transporte público metropolitano por estrada na comarca e reclama a adopción de medidas que melloren o seu funcionamento.

O secretario xeral provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, explica que “seguen a rexistrarse situacións como atrasos, autobuses que non chegan ou que non realizan o servizo previsto, así como vehículos que chegan completos”. Estas circunstancias están a provocar, segundo indica, dificultades para acceder aos autobuses en determinadas paradas e problemas na mobilidade diaria de persoas usuarias, especialmente nos desprazamentos a centros de traballo e educativos.

Fernández Piñeiro, tamén alcalde de Pontedeume, sinala que se trata dunha situación “inadmisible e vergoñenta” e considera necesario que a administración autonómica competente adopte medidas correctoras “de forma inmediata”. Segundo apunta, trátase dunha problemática que “vén de longo” e que “foi denunciada reiteradamente por usuarios e usuarias, así como por concellos e diferentes colectivos, sen que ata o momento se adoptasen solucións efectivas”.

O rexedor indica que, segundo as queixas recollidas, existen menos frecuencias que cos contratos anteriores e horarios que non sempre se adaptan ás necesidades reais da poboación, o que dificulta a conciliación cos horarios laborais e educativos. Tamén fai referencia a situacións nas que os autobuses circulan completos, “deixando tiradas ás persoas nas paradas”.

Neste contexto, o responsable socialista cuestiona que o “conselleiro Diego Calvo estea a vender como un gran avance neste servizo unha APP para os teléfonos móbiles, mentres a realidade diaria segue a ser a supresión de liñas que non se recuperaron, persoas que quedan tiradas nas paradas ou que teñen que viaxar de pé en autobuses cheos de xente”, polo que considera prioritario abordar as deficiencias do servizo. “De pouco vale poder mercar un billete a través dunha APP, consultar horarios, rutas, ou os históricos de viaxes dun usuario ou usuaria, se cando chegas á parada non hai sitio e tes que ir de pé apiñado ou apiñada ou quedar en terra”, engadiu.

O secretario xeral provincial insiste en que a competencia nesta materia corresponde á Xunta de Galicia, á que insta a “poñerse a traballar para garantir un servizo de transporte público que responda ás necesidades da cidadanía e que cumpra uns estándares axeitados de calidade e fiabilidade”. “Sería bo que por parte da Xunta de Galicia dedicaran cando menos, a mesma enerxía e interese para dar solucións a esta problemática que se alonga xa por varios anos e que é da súa enteira responsabilidade, como dedican para reclamar melloras nos transportes públicos competencia doutras administracións”. Finalizou afirmando que “o dereito dos cidadáns a uns servizos públicos de calidade non remata nas portas de San Caetano”.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes