O PSOE de Ribeira esixe medidas contundentes ao Concello en materia de seguridade tras o grave suceso do porto
- “Estamos ante feitos máis propios de mafias que dunha cidade como Ribeira”, afirman os socialistas, que instan á alcaldesa a tomar medidas urxentes ante a escalada de delitos no municipio e a non agocharse
- O grupo socialista reclama reforzar a Policía Local, incrementar a vixilancia no porto e dotar de máis efectivos as forzas e corpos de seguridade do Estado
O PSOE de Ribeira denuncia a grave situación de inseguridade que vive o municipio nos últimos meses e que alcanzou o seu punto máis grave no recente suceso do porto, onde apareceu un cadáver esposado a unha escaleira e no que os indicios apuntan a un crime violento, un feito que cualifican de “moi grave e preocupante”.
Os socialistas consideran que este suceso supón un punto de inflexión e reclaman á alcaldesa “unha actuación inmediata e contundente para garantir a seguridade cidadá e que deixe de agocharse. Ser alcaldesa de Ribeira é algo máis que saír nas fotos”. Subliñan que este episodio non é illado e que nos últimos meses se está a producir un incremento continuado dos delitos, con especial incidencia en roubos con violencia, como os rexistrados en centenares de vehículos, no lanzamento de obxectos desde un cuarto piso, atentados contra a autoridade ou agresións diarias entre toxicómanos por toda a vila.
Aseguran que esta situación está a xerar unha crecente preocupación entre a veciñanza e afirman que “xa lle demos tempo suficiente ao goberno e non está facendo nada. Esta deriva ten que frearse e os veciños teñen dereito a poder descansar tranquilos”.
Reforzo da Policía Local, máis vixilancia e máis efectivos das forzas de seguridade
O PSOE de Ribeira esixe ao Concello o reforzo inmediato dos medios materiais e humanos da Policía Local, incrementando o número de efectivos e dotándoos de formación específica para facer fronte a delitos cada vez máis complexos. Así mesmo, reclaman á Xunta de Galicia un incremento da vixilancia no porto, especialmente nun contexto no que se están a producir roubos de forma recorrente.
Do mesmo xeito, instan ao Goberno a dotar de máis efectivos e medios ás forzas e corpos de seguridade do Estado en Ribeira, particularmente á Policía Nacional, co obxectivo de garantir unha resposta eficaz ante o aumento da delincuencia e mellorar a protección da cidadanía.
Falta de seguridade no porto
O PSOE de Ribeira pon o foco na situación de inseguridade no porto, que considera un punto especialmente vulnerable pola ausencia de medidas de control eficaces. Denuncian que as cámaras de vixilancia levan anos sen funcionar e que existe unha clara falta de presenza policial, o que favorece a comisión de delitos neste espazo.
Por iso, instan á alcaldesa a convocar de maneira urxente unha reunión con Portos de Galicia, organismo dependente da Xunta, para esixir a posta en funcionamento inmediata das cámaras de seguridade e o reforzo da vixilancia no recinto portuario. “Non pode seguir habendo espazos sen control nun punto estratéxico como o porto”, advirten.
Os socialistas solicitan, ademais, que se incrementen e se reactiven as cámaras de videovixilancia do porto e do conxunto de Ribeira.
“O que está a ocorrer é inaceptable e moi preocupante. Ribeira xa non é segura, e isto ten que cambiar. Os veciños precisan decisións inmediatas, menos fotos, máis medios e coordinación real entre administracións”, conclúen desde o PSOE local.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS