O PSdeG de Pontedeume reclama apoio e axudas ao sector marisqueiro e a pesca de artes menores no municipio
- O sector atópase nunha situación crítica logo da paralización da súa actividade seguindo as recomendacións da Xunta de Galicia
O Grupo Municipal Socialista de Pontedeume levará ao seguinte pleno unha moción de apoio ao sector marisqueiro e da pesca de artes menores no municipio.
Esta iniciativa, consensuada coa Confraría de Pescadores local, pretende instar á Xunta de Galicia a negociar co sector e establecer axudas efectivas como compensación pola paralización da actividade recomendada pola propia Xunta.
O texto sinala que o marisqueo en Pontedeume “está a atravesar unha situación de extrema gravidade” derivada desta paralización, “asumida con responsabilidade polas persoas traballadoras co obxectivo de preservar o futuro produtivo da ría”.
A moción do Grupo Municipal Socialista apunta que esta situación “non foi acompañada de medidas suficientes de apoio económico nin dun plan integral de compensación por parte da administración autonómica”.
“No caso do marisqueo a flote, a situación resulta especialmente preocupante, ao non terse previsto inicialmente ningún mecanismo específico de apoio”, reza o texto. “Pola súa banda, no marisqueo a pé, as indemnizacións habilitadas resultan claramente insuficientes para compensar as perdas reais sufridas polas persoas traballadoras, agravando así a situación de precariedade do conxunto do sector”, engade.
No referente ao sector de artes menores indícase que este leva “máis de dous meses sen poder desenvolver a súa actividade, sen que ata o momento se teña habilitado ningún tipo de axuda específica, o que sitúa a estas persoas traballadoras nunha situación de especial vulnerabilidade e desprotección”.
“Tras a reunión mantida coa Consellería do Mar, o conxunto do sector atopouse cunha resposta claramente insuficiente, recoñecéndose explicitamente a inexistencia de medidas específicas”, sinala a moción.
Para o PSdeG de Pontedeume resulta especialmente grave que a Xunta de Galicia, sendo a administración competente en materia de xestión destas actividades, “derive agora a responsabilidade cara ao Estado, instando ao sector a acudir ao Instituto Social da Mariña (ISM) para solicitar o cese de actividade”.
“Esta actuación supón unha clara deixación de funcións e un traslado inxustificado de responsabilidades, xerando unha situación de indefensión para as familias que dependen directamente destas actividades”, critica a formación. “Dende o pasado 20 de xaneiro, moitas destas familias levan sen percibir ingresos, o que agrava aínda máis unha situación xa de por si crítica”, apuntan.
O grupo socialista afirma que, “por todo o exposto, resulta imprescindible que a Xunta de Galicia asuma as súas responsabilidades e adopte medidas urxentes, suficientes e equitativas para garantir a supervivencia do sector do marisqueo e das artes menores de Pontedeume no seu conxunto”.
Deste xeito, búscase que o pleno inste á Consellería do Mar a “constituír de maneira inmediata unha mesa de negociación real e específica cos sectores do marisqueo (a pé e a flote) e das artes menores de Pontedeume, garantindo a súa participación directa na toma de decisións”.
Tamén establecer “axudas económicas directas por lucro cesante para o marisqueo a flote e para o sector de artes menores”, revisar “de maneira urxente as indemnizacións destinadas ao marisqueo a pé, incrementando as súas contías para que resulten suficientes e acordes coas perdas reais sufridas”, e “habilitar de maneira inmediata liñas de apoio específicas para o sector de artes menores”. Así mesmo, reclaman que o goberno galego asuma “plenamente as súas competencias e responsabilidades” e garanta “un trato equitativo entre o marisqueo a pé, o marisqueo a flote e o sector de artes menores”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS