Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG de Ribeira lamenta que a alcaldesa “oculte o custo da indemnización de Xarás” e “viva allea aos problemas reais da veciñanza”

  • Critica tamén que a alcaldesa “admita un despiste que pode comprometer 2 millóns de euros” do PSTD

O PSdeG de Ribeira denuncia que “o último pleno municipal volveu deixar en evidencia a falta de proxecto, a opacidade e a inacción do actual goberno local”. Para os socialistas, a sesión “confirmou que o executivo evita dar explicacións nos asuntos máis graves e está máis centrado en entorpecer á oposición e en xerar ruído político que en resolver os problemas reais de Ribeira”.

“Un dos asuntos máis graves foi a negativa da alcaldesa a responder canto pode custarlle ao Concello a indemnización derivada do caso de Xarás”, sinalan dende o PSdeG local. A súa única resposta foi que “este Goberno está moi tranquilo”.

Desde a formación afirman que esta forma de actuar lembra á etapa de Manuel Ruiz, “cando insistía en que todo estaba correcto e acabou perdendo todas e cada unha das veces que a licenza foi xudicializada”. Consideran “inaceptable que, ante un posible custo millonario para as arcas municipais, a cidadanía siga sen coñecer nin unha cifra nin unha estimación seria”.

O grupo socialista considera tamén “moi preocupante que o goberno municipal admita que puxo en risco os 2 millóns de euros do PSTD”. “Segundo a propia alcaldesa, sabían que a publicidade da financiación europea era obrigatoria e que os logos se ían colocar, restando importancia ao sucedido ao cualificalo como un pequeno despiste”, recalcan dende o grupo.

Para o PSdeG “non hai nada pequeno nun erro que pode comprometer a correcta xustificación dos fondos europeos e mesmo obrigar á súa devolución”.

Insisten en que “o pleno foi unha mostra clara da inacción dun goberno que viña a cambialo todo e que hoxe solo ofrece posados fotográficos e improvisación”. Só levou dous puntos á sesión, a resolución do contrato do SAF e a renovación dos representantes do consello escolar, feita con tanta présa que chegaron a nomear persoas xubiladas”, lamentan.

Fronte a esta “parálise”, o PSdeG destaca que a súa proposta sobre Corrubedo saíu adiante: “Aínda que o goberno recorreu de novo a emendar a iniciativa, cambiando todo para que diga o mesmo, pero o importante é que, se se cumpre o acordado, a veciñanza contará cunha conexión na praia do Prado que mellorará a accesibilidade e a calidade de vida”.

A sesión pechouse cunha moción de urxencia do goberno para “criminalizar”, en opinión do grupo socialista, unha actuación de Galiza Nova. “Se houbo algún ilícito, que actúe a Policía”, indicaron dende o grupo, engadindo que non ten ningún sentido que o PP queira “imporlle á cidadanía de Ribeira o ser monárquica”. “Temos unha Policía; o Pleno non está para estas cousas”, apuntan. Para o PSdeG, “este tipo de iniciativas de urxencia só confirman que o goberno actual está totalmente afastado das preocupacións das e dos ribeirenses”. “Mentres Ribeira segue agardando respostas sobre cuestións graves, sobre investimentos, sobre xestión e sobre servizos, o PP perde o tempo facendo ruído político e intentado cercenar dereitos tan básicos como a liberdade de expresión e a igualdade de toda a cidadanía nun Estado democrático de dereito nunha clara viraxe cara a ultradereita”, conclúen.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes