O PSdeG de Ribeira critica que a alcaldesa e a Xunta sitúen a residencia fóra do núcleo urbano: “Illará ás persoas maiores da vida da vila”
- Os socialistas denuncian que o novo emprazamento en Cruxeiras afasta ás persoas usuarias da vida social e supón un novo atraso nun proxecto que Ribeira leva anos esperando
O PSdeG de Ribeira critica o anuncio realizado polo goberno municipal do PP e a Xunta de Galicia sobre a futura residencia de maiores e advirte de que a decisión de trasladar o proxecto á zona de Cruxeiras, preto do parque de San Roque, non só supón un novo atraso na súa construción, senón tamén un modelo de residencia que afastará ás persoas usuarias da vida diaria da vila.
Os socialistas consideran que o emprazamento escollido está fóra do núcleo urbano e non permite ás persoas maiores manter unha relación natural coa comunidade. “As residencias non poden converterse en espazos apartados da sociedade. As persoas maiores deben poder seguir formando parte da vida do pobo, saír pasear, mercar o pan, tomar un café ou manter contacto cos seus veciños e veciñas”, sinala o portavoz socialista, Francisco Suárez-Puerta.
Neste sentido, o PSdeG defende que o modelo de atención ás persoas maiores debe favorecer a integración social e a proximidade aos servizos e á vida comunitaria. “Non compartimos un modelo que aparta ás persoas maiores da vida da vila baixo o pretexto de que estarán nunha contorna natural. Ese non é o modelo que queremos para Ribeira”, engaden.
Ademais, os socialistas lembran que o cambio de localización obriga a reiniciar trámites e pode atrasar durante anos a chegada dunha infraestrutura que Ribeira leva demasiado tempo esperando.
O PSdeG considera especialmente grave que esta situación se produza despois de que o Concello deixase de lado o proxecto anterior, no que xa se investiran máis de medio millón de euros de fondos públicos. “O que non pode facer o PP é actuar como se aquí non pasase nada cando se deixou caer un proxecto no que xa se gastaran máis de medio millón de euros de todos os veciños e veciñas”, advirte o portavoz socialista.
Para os socialistas, se existise unha vontade real de sacar adiante a residencia, o lóxico sería aproveitar o traballo xa feito e avanzar sobre o proxecto previo para poder iniciar as obras nun prazo máis curto.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS