- Patricia Blanco Fidalgo, rexistrou solicitudes ante o Concello, a Xunta e o Ministerio de Vivenda para coñecer os informes relativos á modificación urbanística
O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Carral rexistrou no día de hoxe solicitudes formais de información ante tres administracións públicas co obxectivo de coñecer con detalle o procedemento de cambio de uso do solo residencial a industrial no ámbito do Polígono de Os Capelos.
A iniciativa foi presentada pola voceira socialista, Patricia Blanco Fidalgo, no exercicio das funcións de control e fiscalización que corresponden aos membros da corporación municipal e ao abeiro da normativa vixente en materia de transparencia e acceso á información pública.
As solicitudes foron dirixidas ao Concello de Carral, á Xunta de Galicia –a través da Dirección Xeral de Urbanismo– e tamén á entidade pública empresarial SEPES, dependente do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, dado que esta entidade participou na promoción orixinal do polígono como unha actuación mixta de solo industrial e residencial.
A través destas solicitudes, o PSdeG solicita información completa e actualizada sobre todas as actuacións realizadas polas diferentes administracións no proceso de modificación do planeamento urbanístico que permitiría transformar o solo inicialmente previsto como residencial en solo industrial.
Entre a documentación solicitada inclúense os informes técnicos, xurídicos, urbanísticos ou ambientais emitidos polas administracións implicadas, así como as resolucións adoptadas, requirimentos realizados ao Concello de Carral e o estado actual de tramitación da modificación do planeamento.
Do mesmo xeito, a portavoz socialista tamén solicita coñecer se SEPES deu o seu consentimento formal ao cambio de uso do solo e en que condicións, así como a titularidade actual dos terreos afectados e as previsións de desenvolvemento futuro para esta área.
Segundo sinalou Patricia Blanco Fidalgo, “estamos ante unha actuación urbanística de relevancia para o futuro desenvolvemento económico e territorial do noso concello, polo que é imprescindible garantir a máxima transparencia e coñecer con exactitude como se está tramitando este cambio de uso do solo”.
A portavoz socialista subliña que o obxectivo desta iniciativa é “dispoñer de toda a información necesaria para poder exercer con rigor as tarefas de control e fiscalización que corresponden á oposición municipal e para garantir que os intereses xerais de Carral están plenamente protexidos”.
O PSdeG de Carral sinala que, unha vez recibida a información solicitada ás distintas administracións, analizará a documentación para valorar o alcance da modificación urbanística e as súas posibles consecuencias para o municipio.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS