O PSdeG reclama un transporte digno entre A Coruña e Ferrol logo de que numerosas persoas quedaran tiradas nas estacións de autobuses
- Aitor Bouza anuncia iniciativas no Parlamento galego para esixirlle á Xunta unha solución a esta problemática
O PSdeG-PSOE reclama no Parlamento de Galicia condicións dignas para a liña de autobús entre A Coruña e Ferrol. Segundo explica o parlamentario socialista Aitor Bouza, “nos últimos días, por desgraza, volvimos ver como usuarios e usuarias do transporte público por estrada quedaban tiradas nas propias estacións”.
“Dende o Partido Socialista non imos quedar calados ante esta situación que se produce, que por desgracia non é a primeira vez que ocorre”, sinala o deputado. “Imos rexistrar de maneira inmediata iniciativas no Parlamento galego para esixirlle á Xunta da Rueda que poña medidas enriba da mesa”, anuncia.
Bouza apunta que isto non só se produce nas propias cidades da Coruña e de Ferrol, senón tamén nas paradas intermedias. “Cando chega o bus ao lugar onde está a parada, ao estar cheo, non pode subir ninguén, ou directamente noutros casos xa nin pasa o propio bus, porque vai de maneira directa ao estar absolutamente cheo”, lamenta.
“Non se poñen complementos, non se poñen buses de reforzo”, critica o socialista, que engade que dende o seu Grupo Parlamentario esixirán “de maneira inmediata ao goberno da Xunta que aplique todos os mecanismos que teña na súa man para corrixir esta situación e que non volva ocorrer”.
“Se teñen que establecer un plan de reforzo, que o fagan, se teñen que facer inspeccións para que non volva ocorrer que as fagan”, insiste Bouza. “Que se garanta que o servizo interurbano entre A Coruña e Ferrol cumpra con eses criterios de regularidade, de fiabilidade e tamén de accesibilidade”, salienta.
Finalmente, esixirán tamén que a Xunta de Galicia “dea contas a través dun informe de cales son as causas que provocan estas deficiencias”. Tamén preguntarán “se a propia Xunta de Galicia adoptou algunha medida correctiva e tamén sancionadora contra a empresa que está a levar este servizo”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS