Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE da Laracha solicita un Plan Integral para a cobertura dos parques infantís

  • A iniciativa socialista chega tras as demandas expresadas no Pleno Infantil celebrado o 2 de decembro

O Grupo Socialista da Laracha, a través da súa voceira Inés Ramos, presentará unha iniciativa para instar ao goberno local á elaboración dun Plan Integral de Cobertura dos Parques Infantís do municipio. A proposta chega despois do Pleno Infantil celebrado o 2 de decembro, no que o alumnado participante solicitou a creación de espazos de xogo cubertos e utilizables durante todo o ano.

Inés Ramos afirmou que “os nenos e nenas da Laracha, así como as súas familias, merecen parques seguros, accesibles e útiles os 365 días do ano”. Na iniciativa, o PSOE da Laracha solicita ao Concello a aprobación dun documento técnico que analice o estado actual dos parques infantís e a viabilidade da súa cobertura, a creación dun plan municipal que garanta espazos de xogo cubertos en todas as zonas do concello, a programación de investimentos plurianuais con partidas específicas a partir de 2026 e a implantación dun sistema de información que permita á veciñanza coñecer prazos, orzamentos e avances.

Ramos tamén valorou positivamente a retransmisión do Pleno Infantil a través da canle oficial de YouTube, indicando que “facilitou o seguimento da sesión por parte da veciñanza”. A voceira socialista insistiu en que esta práctica se estenda aos plenos ordinarios e afirmou que “a emisión en directo é unha ferramenta esencial para achegar a actividade municipal á cidadanía e reforzar a transparencia”, e pediu que esta práctica se estenda aos plenos ordinarios.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes