Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG reclama á Xunta a rehabilitación integral do CEIP Sigüeiro de Oroso

  • O grupo socialista presenta no Parlamento unha batería de iniciativas para esixir a mellora das instalacións dun centro construído en 1979 e que escolariza a máis de 400 alumnos e alumnas

O PSdeG reclama á Xunta de Galicia que acometa “de maneira inmediata” unha rehabilitación integral do CEIP Sigüeiro, no concello de Oroso, co obxectivo de actualizar unhas instalacións que acumulan máis de corenta e cinco anos de antigüidade e adaptalas ás necesidades actuais da comunidade educativa.

Dende o grupo socialista sinalan que o “inicio do curso escolar en Galicia vén marcado, un ano máis, por problemas en transporte escolar, falta de profesorado e deficiencias en infraestruturas”, e subliñan que “a educación pública debe ser unha prioridade, pois é a garantía de igualdade de oportunidades para todos os nenos e nenas de Galicia”.

O CEIP Sigüeiro, con máis de 400 alumnas e alumnos, é un centro de referencia en Oroso e, segundo denuncia o PSdeG, precisa dunha “intervención completa” que inclúa a renovación das instalacións de fontanería e electricidade, a mellora da envolvente térmica, a substitución das ventás e a rehabilitación da fachada, “co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e a seguridade do edificio”.

O deputado socialista Aitor Bouza explicou que o PSdeG presentará “unha batería de iniciativas nas que instaremos e reclamaremos á Xunta de Rueda a que se execute de maneira inmediata unha rehabilitación integral do CEIP Sigüeiro”. Engadiu que se trata dun centro “que data do ano 79 e que necesita obras urxentes en cuestións tan importantes como a fontanería, a electricidade, a envolvente térmica, a substitución das ventás e a rehabilitación da fachada”.

Bouza destacou que esta actuación “englóbase nun marco de mellora e de eficiencia enerxética para garantir o confort e sobre todo tamén a seguridade do alumnado e do profesorado”, e criticou “a deixadez absoluta por parte da Xunta das súas propias competencias en materia educativa”.

O PSdeG lembra que o goberno local socialista de Oroso acometeu durante os seus mandatos diferentes actuacións de mellora do centro, mais insiste en que “a responsabilidade da reforma integral corresponde á Xunta de Galicia, que debe asumir a posta ao día das infraestruturas educativas do municipio”. Aitor Bouza adiantou ademais que o grupo socialista solicitará a inclusión dunha partida específica nos orzamentos da Xunta para 2026 destinada a financiar as obras necesarias, e anunciou que o PSdeG “seguirá traballando da man dos compañeiros e compañeiras da agrupación de Oroso para facer seguimento de todas estas melloras, porque non son suficientes os parches que se foron facendo durante estes meses e semanas”.


Aitor Bouza – CEIP Sigüeiro (Oroso) – nov25
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes