Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG-PSOE de Malpica critica o retraso na apertura do Centro de Día de Buño

  • Walter Pardo lembra que a obra rematou en febreiro de 2022 e acusa ao goberno local de “incapacidade” para poñelo en funcionamento

O PSdeG-PSOE de Malpica denuncia que o Centro de Día situado na Casa do Oleiro en Buño segue sen abrir as súas portas a pesar de que as obras finalizaron en febreiro de 2022.

O voceiro socialista, Walter Pardo, lembrou que no mes de novembro de 2022 o alcalde, Eduardo Parga, anunciou na prensa que o servizo sería unha realidade a principios de 2023. “2023 todos sabemos que foi un ano de eleccións”, indicou Pardo.

Segundo o representante do PSdeG-PSOE, “xa pasou o ano 2023, xa pasou o ano 2024 e na xuntanza de maiores de 2025 o señor Parga volvía dicir que intentaría abrilo en setembro”. Pardo asegura que, chegado o mes, “o centro de día seguía sen abrir”.

Durante o pleno ordinario de setembro, os socialistas preguntaron de novo pola data de apertura deste recurso asistencial. Segundo explica Pardo, o alcalde contestou que “acababa de recibir os pregos de contratación para poder licitar o servizo e abrir o centro de día”.

O PSdeG-PSOE cuestiona, a partir desa resposta, a xestión realizada durante este tempo, “daquela, que nos estivo dicindo todos estes anos? Que ía abrir un centro de día sen o papeleo e os trámites oportunos para poder facelo?”, manifestou o voceiro municipal. Pardo subliña que o Concello ten “plenas competencias e poderes” sobre o centro desde que se entregou a obra, en febreiro de 2022, e critica que a instalación continúe pechada máis de tres anos despois. Nas súas palabras, “isto demostra a incapacidade do goberno municipal do PP de Malpica de sacar as cousas adiante”.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes