O PSdeG denuncia os recortes na educación pública en Ribeira e participa na mobilización do CEIP O Grupo
- Os deputados Aitor Bouza e Patricia Iglesias achegáronse á localidade para respaldar ás familias e á comunidade educativa do centro
Os deputados socialistas Aitor Bouza e Patricia Iglesias, e o voceiro do PSdeG en Ribeira, Francisco Suárez-Puerta, participaron este venres na mobilización convocada pola Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) do CEIP O Grupo de Ribeira. A protesta desenvolveuse diante do centro para denunciar os recortes aplicados polo Goberno autonómico e reclamar unha dotación adecuada de profesorado e recursos educativos.
Centos de familias, docentes e membros da comunidade educativa sumáronse á convocatoria, convertendo o acto nunha clara chamada de atención á Xunta de Galicia sobre a situación crítica que atravesa o CEIP O Grupo, que sofre carencias estruturais e a redución reiterada de prazas de profesorado.
A deputada socialista Patricia Iglesias lembrou que “falamos de reivindicacións históricas como a reforma estrutural e as necesidades de profesorado, pero o conselleiro de Educación non atende estas peticións. Desde o PSdeG pedimos e apoiamos estas protestas e levaremos a súa voz ao Parlamento para esixir unha resposta ás necesidades que reclama a comunidade educativa de Ribeira”.
Durante a mobilización, Suárez-Puerta advertiu que “o Goberno autonómico está a dar as costas ás necesidades reais dos centros educativos do noso municipio, poñendo en risco a igualdade de oportunidades do alumnado”. Ademais, anunciou que “o próximo luns no pleno defenderemos as necesidades educativas dos cativos do CEIP O Grupo, seguiremos da man dos nosos compañeiros no Parlamento galego, apoiando a nenos e familias de Ribeira, que non se poden ver prexudicados por unha ideoloxía que aplica o Partido Popular e que consiste en castigar a Ribeira de forma reiterada na educación”.
Pola súa banda, o deputado Aitor Bouza insistiu en que o PSdeG trasladará estas demandas ao Parlamento de Galicia, comprometéndose a darlles voz e esixir á Xunta unha solución inmediata ás necesidades do CEIP O Grupo, que se converteu nun símbolo da loita pola educación pública na comarca. O grupo socialista de Ribeira subliñou que continuará traballando man a man coas familias, o profesorado e a sociedade civil, defendendo un modelo educativo público, inclusivo e con recursos suficientes que garanta o futuro das novas xeracións.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS