Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Carral apoia as reivindicacións da ANPA do CEIP Vicente Otero Valcárcel e as súas mobilizacións

-As familias maniféstanse ás 9:00 horas na entrada do centro educativo


O PSdeG-PSOE de Carral amosa o seu apoio ás reivindicacións da ANPA do CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel, que reclama mestres especialistas en atención á diversidade e persoal coidador entre outras necesidades. Este apoio chega con motivo da manifestación convocada na entrada do centro educativo.

A voceira socialista local Patricia Blanco Fidalgo e o secretario de educación da executiva socialista provincial Xosé Lois García Carballido reuníronse con tres representantes da directiva da ANPA Ana Lastra López para transmitirlle apoio ás súas demandas.

O centro ven sufrindo recortes sucesivos dende o curso 23/24, cando contaba con dous especialistas de pedagoxía terapéutica, que quedaron nun só PT no curso 24/25. Este ano, en lugar de recuperar o segundo PT, teñen que compartir o único existente con outro centro educativo.

No que respecta a profesionais de audición e linguaxe, pasan de dous a un, a pesar de que os dous AL xa eran insuficientes e tiñan elevada carga horaria ao ser un centro de 450 alumnas e alumnos. Deste xeito quedan sen atender dislalias ou problemas de pronuncia. Co recorte só atenden, e de forma insuficientes, ás grandes discapacidades de máis do 33%.

Porén, aínda máis urxente é a supresión do coidador de xeito totalmente inesperado, pois foi comunicada ao centro o 5 de setembro, o último día hábil previo ao inicio do curso porque hoxe é festivo local. Inexplicablemente mandan ao coidador para outro centro, polo que van estar sen coidador mañá cando empeza o curso a pesar de que hai alumnado que o necesita porque non se ten de pé ou precisa asistencia para o aseo.

A ANPA denuncia que non se está aplicando o acordo de ratios que a Xunta asinou con tres sindicatos, porque en cuarto de infantil hai un alumnado efectivo de 42 cando o máximo é 40. Porén, a Xunta négase a conceder liña 3 cando se comprometera co centro a autorizala. Hai familias que matricularon os fillos e fillas no centro con esa promesa.

Tamén hai casos de irmáns matriculados en distintos centros, na unitaria de Tabeaio e neste CEIP, por non haber liña tres e non haber praza. Agora tan só 4 niveis non teñen liña tres, porque Carral é un concello coa demografía en crecemento pola oferta de vivenda e a cercanía á cidade herculina e mesmo a Santiago e mellores prezos inmobiliarios.

Estas necesidades son permanentes, toda vez que xa na etapa de 0 a 3 se ve saturación na matrícula, logo o problema vai ir a máis. O xefe territorial recibiu á ANPA en diversas ocasións, a última delas en xullo, pero só lles ofrece integralos no plan MEGA e outras medidas que consideran “parches” por non resolver o problema da falta de atención educativa do alumnado con necesidades.

Patricia Blanco Fidalgo comprometiuse coa ANPA a levar unha moción ao pleno con estas demandas. Tamén vai pedir ao resto da Corporación Municipal que apoie a celebración dun pleno extraordinario monográfico para esixir á Xunta os medios necesarios para cubrir as necesidades do alumnado de Carral.

Dende a directiva da ANPA Ana Lastra López fan un chamamento á veciñanza de Carral para apoiar as súas demandas, e anunciaron que van seguir coas protestas ata conseguir o profesorado.

Pola banda do PSdeG de Carral comprometéronse a levar ao Parlamento de Galicia estas reivindicacións da comunidade educativa de Carral.

“Os centros educativos de Carral están saturados, unha situación que vai ir a máis, polo que esiximos a ampliación do CEIP, a Galiña Azul e o IES de Carral, que quedan pequenos a día de hoxe”, sinalou Blanco Fidalgo. “No caso do CEIP hai un compromiso da Xunta e o Concello para ampliar o centro aproveitando as antigas casas dos mestres que están en desuso na propia parcela do colexio, e este compromiso ten que ter reflexo orzamentario na Xunta e no Concello” expresou a voceira socialista.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes