Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O Grupo Municipal Socialista de Rianxo propón un Plan Municipal de Inclusión Infantil para garantir o acceso igualitario ás actividades e programas municipais

Rianxo. O Grupo Municipal Socialista presentou no último Pleno unha moción para a elaboración dun Plan Municipal de Inclusión Infantil, unha proposta pioneira na comarca que busca garantir a participación de todos os nenos e nenas nas actividades municipais, con independencia das súas capacidades ou necesidades específicas.

O plan proposto contempla medidas concretas para facer accesibles actividades culturais, deportivas, educativas e de conciliación, garantindo a igualdade de oportunidades para menores con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) e necesidades educativas especiais (NEE).

Entre as medidas que propón o Grupo Socialista inclúense:

  • Reserva de prazas para menores con NEAE e NEE.
  • Presenza de profesionais especializados e adaptación de ratios.
  • Axustes razoables nos espazos e contidos das actividades.
  • Escolla de instalacións accesibles.
  • Itinerario de actividades inclusivas.
  • Coordinación con entidades sociais e profesionais en diversidade funcional e
    inclusión.

Esta proposta nace co obxectivo de construír un modelo máis xusto e igualitario, e responde á preocupación crecente das familias que atopan obstáculos para acceder aos recursos municipais.

Atención temperá: un servizo esencial que debe garantirse todo o ano, e que debe ser un elemento vehicular xunto cos servizos estabelcidos neste plan.

Desde o Grupo Socialista tamén se quere facer unha chamada de atención sobre a situación do servizo de atención temperá, un recurso esencial para a detección e intervención precoz de dificultades no desenvolvemento infantil.

Os socialistas xa amosamos que nos parece un proxecto de interés e necesario, máis tamén que debe ser un servizo Municipal de calidade, e que se imparta nun espazo accesible (a día de hoxe segue no pazo de Rianxiño).

“Preguntaremos a Alcaldía, a Julian Bustelo, que nos aclare os períodos de peche a que son debido e as alternativas que dispoñen as familias, preguntaremos como un servizo tan esencial como este peche durante as vacacións en agosto, solicitando explicación de cal vai ser o apoio a nenos/as e familias que o precisan duarante este período. Iso supón unha vulneración dos seus dereitos e unha falla de previsión por parte da administración responsable no caso de non dispoñer de alternativa algunha”, denuncian os socialistas.

Neste sentido, subliñan a importancia de dispoñer dun servizo de atención temperá de calidade, accesible, con grupos e tempos de terapias acordes ás necesidades dos nenos/as, e favorecendo a atención en horarios non lectivo (moitas familias deben deixar de acudir ó centro educativo, para levar ó seu fillo/a a estas terapias cunha duración de 30 min, o que dificulta a relación familia/traballo) cun regulamento municipal claro, que garanta a igualdade no acceso e non exclúa a ningunha familia por criterios subxebtivos, discrepancias, cuestións administrativas ou temporais.

Ademais, lembran que a Xunta de Galicia conta cun Protocolo de Atención Temperá, que establece o marco de actuación e coordinación entre servizos sanitarios, educativos e sociais, e que o Concello debe cumprir, reforzar e adaptar á realidade local.

O dereito á atención continuada está recollido na lexislación estatal e autonómica. Pero en concreto destacamos que o Protocolo de Atención Temperá da Xunta de Galicia (2022) define este servizo como unha intervención esencial, interdisciplinar e coordinada que debe prestarse de maneira estable e sostida no tempo, respondendo ás necesidades evolutivas dos nenos e nenas de 0 a 6 anos. A interrupción deste servizo sen alternativa vulnera os principios de continuidade e accesibilidade establecidos no propio documento.

Un enfoque inclusivo e pioneiro

“A nosa proposta de inclusión é ambiciosa pero necesaria, e coloca ao noso Concello á vangarda da inclusión social na comarca. Queremos que todos os eventos, campamentos e actividades do Concello sexan un espazo para todas as familias, sen excepcións”, destacaron desde o Grupo Municipal Socialista.

O Plan tamén contempla a creación dun grupo técnico interdisciplinar para deseñar e avaliar as medidas, a modificación das ordenanzas municipais para incorporar o enfoque inclusivo, e a dotación orzamentaria específica nos próximos orzamentos.

Finalmente, a moción tamén insta á Xunta de Galicia e á Deputación da Coruña a crear liñas de apoio económico para os concellos que impulsen políticas de inclusión e conciliación integrais. “Estamos propoñendo unha iniciativa pioneira, realista e necesaria, que responde a unha demanda social evidente e que sitúa aos dereitos da infancia no centro da acción política municipal.”

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes