Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

Silvia Longueira, sobre a renuncia da Xunta a 22 millóns de euros para as escolas infantís: “O PP non quere cartos para crear prazas públicas porque só lle interesa o sector privado”

A deputada socialista denunciou ante a escola As Mariñas, na Coruña, que mentres deceas de familias quedaron sen praza para os seus fillos e fillas nese centro de titularidade autonómica, o Goberno de Rueda devolvía fondos europeos do Plan de Recuperación porque só os podía empregar para incrementar a oferta nas escolas públicas

-“Cando o PP di que garante a gratuidade universal, o que fai en realidade, coma sempre, é ir cara un sistema no que só poderán ir ás escolas infantís as nenas e os nenos con familias que o poidan pagar”, lamentou ante o feito de que as prazas públicas consolidan un dereito e os medios para sostelo, pero as privadas non


A portavoz socialista de asuntos sociais no Parlamento galego, Silvia Longueira, denunciou hoxe na Coruña que o pretexto do Goberno de Rueda para renunciar a 22 millóns de euros destinados ás escolas infantís agocha unha política para beneficiar ao sector privado en detrimento do público. A deputada do PSdeG criticou o argumento que esgrimiron o presidente da Xunta e a súa conselleira de Política Social, que a convocatoria para a concesión deses fondos “non se axusta ao modelo galego”. “Vouno traducir: o PP non quere cartos para crear prazas públicas porque só lle interesa o sector privado”, asegurou.

Longueira, que se achegou á escola As Mariñas, da rede autonómica, reprochoulle ao Executivo galego que mentres “deceas de familias que querían traer aos seus fillos e fillas a este centro non conseguiron praza, a Xunta do PP devolvíalle ao Estado 22 millóns de euros destinados precisamente á creación de prazas en escolas infantís. Como é posible isto!”.

Respecto dese importe, lembrou que se trata de fondos procedentes da Unión Europea que se distribúen entre as comunidades autónomas a través do Plan de Recuperación do Goberno central.

A parlamentaria socialista explicou que, na actualidade, das arredor de 32.000 prazas en escolas infantís que existen en Galicia, 13.000 son de carácter privado, unha cifra que supera ás que ofrece a Xunta (12.000), mentres que os concellos dispoñen de 7.000. Respecto do “modelo galego” que os populares esgrimen para defender o que en realidade é “o modelo do PP”, Longueira detallou que a Xunta lles está a pagar ás escolas privadas unha media de “case 310 euros por alumno ao mes”. Porén, ás municipais só lles aboa “pouco máis de 90 euros”. “O resto dos custes, que os solucionen os concellos se poden”, criticou.

Silvia Longueira lamentou que “cando o PP di que garante a gratuidade universal das escolas infantís, o que fai en realidade é ir engordando o sector privado e restándolle peso ao público”. O obxetivo, “coma sempre”, é ir cara un sistema “no que só poderán ir ás escolas infantís as nenas e os nenos con familias que o poidan pagar”, dixo ante o feito de que as prazas públicas consolidan un dereito e os medios para sostelo, e nas privadas non. Ante a porta da escola coruñesa, situada na rúa de Orillamar, reprochou tamén que a principios de setembro a conselleira acudise a ese centro “a vender as bondades do seu ‘modelo’, mais fíxoo antes de que comezaran as clases, non se fose atopar coas nais e os pais dos nenos e nenas que quedaron sen praza” nesa escola pública.


Silvia Longueira sobre a renuncia da Xunta a fondos europeos para escolas infantís – dec24
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes