O PSdeG provincial celebra que a eliminación do bypass de Betanzos permitirá “a conexión directa do trazado ferroviario da Coruña con Ferrol”
-O secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro destaca que “o Goberno de España dá un paso máis alá con este investimento que supera os 28,5 millóns de euros”
O PSdeG-Provincial celebra o anuncio da eliminación do bypass de Betanzos, “que vai permitir a conexión directa do trazado ferroviario da Coruña con Ferrol”.
Así o expresou o secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro nunha rolda de prensa en Ferrol, na que estivo acompañado por Montse García Chavarría e Obdulia Taboadela, deputadas pola provincia no Congreso.
A eliminación deste bypass “é o primeiro paso cara a mellora deste trazado, que xa sabedes que o vimos demandando dende hai moitos anos”, sinala o secretario xeral provincial.
“Vimos demándandoo cando gobernaba o Partido Popular e o seguimos demandando cando goberna o Partido Socialista, esa é a diferenza entre nós e o PP, que só demanda doutras administracións cando non están gobernadas pola mesma formación política”, destaca o socialista.
“Nós gobernamos distintos concellos, gobernamos a Deputación, e nunca deixamos de loitar polos intereses dos veciños e veciñas, independentemente de que a administración á que lle reclamemos estea gobernada polo noso partido”, engade Fernández Piñeiro.
“Eu son alcalde de Pontedeume, e aquí acompáñanme compañeiros e compañeiras de toda a bisbarra que ao longo dos últimos anos vimos demandando a mellora da infraestrutura ferroviaria”, subliña.
Para Fernández Piñeiro, “o Goberno de España dá un paso máis alá con este investimento que supera os 28,5 millóns de euros para a eliminación dese bypass, que ademais vai contemplar a construción de dous viadutos e a reducir o tempo que leva realizar esa ruta”.
“Agora quedaría a seguinte fase, que é a mellora do trazado entre Betanzos e Ferrol para permitir que a conexión ferroviaria sexa a que todos desexamos”, afirma o socialista. “Tamén se anunciou tempo atrás esa conexión ferroviaria do Porto de Ferrol”, engade. “O Estado sigue dando pasos para mellorar as infraestruturas e polo tanto hoxe queremos poñelo de manifesto e congratularnos desta nova, non sen deixar constancia de que seguiremos a reclamar a mellora do trazado”, concluíu.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS