Os socialistas de Carballo levan unha moción ao Pleno “para solicitar a dotación dunha comisaría da Policía Nacional no noso concello”
-O PSOE lembra que concellos como Viveiro e Ribeira contan cunha comisaría e amosan a súa precupación “polos recurrentes delitos violentos que ocurren no municipio”
Os socialistas de Carballo levarán ao pleno municipal do próximo luns, 25 de novembro, unha moción na que “instamos ao goberno municipal a demandar ao Ministerio do Interior a posta en marcha dunha comisaría da Policía Nacional no concello”.
Carballo conta cunha oficina administrativa da Policía Nacional, “pero non ten unha comisaría, que consideramos moi necesaria para a mellora da seguridade cidadán, máis aínda despois dos recentes incidentes violentos que ocurriron no noso concello”, sostén o PSOE.
“Recentemente e por desgraza, coñecemos e sufrimos o incremento da inseguridade, constatado nos últimos días co apuñalamento dun veciño de Cances Grande, polo acoitelamento dunha parella nunha vivenda na rúa Mahón ou pola operación policial vivida contra o tráfico de estupefacientes”, recolle o texto da moción.
“A Garda Civil e a Policía Local fan un gran traballo pero a preocupación pola seguridade cidadán vai en aumento en Carballo, os veciños e veciñas demandan un reforzo que debe vir na área urbana da man da Policía Nacional”, engaden os socialistas. O grupo municipal do PSOE subliña que “outros concellos como Viveiro ou Ribeira contan cunha comisaría de Policía Nacional que traballa en colaboración coa Garda Civil e Policía Local, polo que é unha demanda xusta para Carballo”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS